Monday 13 de May de 2024

Inés Rey: “Os terreos liberados do porto representan unha oportunidade única para a economía azul, o coidado do medio, os espazos comúns e a cidade sostible que desexamos”


A alcaldes asistiu esta mañá no marco do Festival Mar de Mares á inauguración da exposición “O mar” da fotógrafa Isabel Muñoz

A alcaldesa, Inés Rey, asistiu esta mañá á inauguración da sétima edición do festival Mar de Mares que arrincou coa exposición “O mar” da fotógrafa Isabel Muñoz.
A rexedora destacou o papel que xoga o festival na defensa do nosos mares e do Medio Ambiente. Rey lembrou que esta celebración de Mar de Mares coincide con dúas novas de enorme importancia para A Coruña e o seu medio marítimo: a primeira delas o anuncio do dragado da ría do Burgo publicado no BOE. Rey sinalou que “esta é unha actuación que celebramos todas e todos e evidencia o compromiso de Pedro Sánchez cun proceso que non podía tardar máis e que representa a recuperación dun espazo natural que tamén é un recurso económico.
Ademais, non só beneficia á cidade da Coruña senón tamén a todo o cinto metropolitano e a todos os municipios limítrofes coa ría”. “A recuperación da ría é un sinal de identidade que encaixa perfectamente coa nosa intención de poñer en valor as zonas litorais interiores da cidade como As Xubias ou A Pasaxe”, afirmou Rey, quen lembrou que se trata dun ámbito de actuación de enorme potencial, que respectando escrupulosamente a súa contorna, pódese recuperar para unha cidade que naceu do mar e nel ten o seu futuro.
A segunda nova que coincide co Festival Mar de Mares á que fixo referencia a alcaldesa é a concesión por parte da Xunta de Goberno local da licenza para a construción do poliduto cara ao Porto Exterior, que permite desbloquear a liberación dos terreos portuarios, nos que A Coruña ten un dos grandes desafíos do seu futuro. “A recuperación da fachada marítima permitirá ensanchar a cidade, obviamente dun xeito moi diferente aos ensanches de décadas pasadas”, explicou Rey, para quen “nos terreos portuarios temos unha oportunidade única para o coidado do medio, para a economía azul, para os espazos comúns e para, en definitiva, a cidade 2030, sostible e produtiva”.
Rey felicitou as persoas responsables do festival porque a pesar de todas as dificultades que supón garantir as medidas de seguridade impostas pola pandemia, sacaron adiante unha programación que converte un ano máis a nosa cidade na capital mundial da defensa do mar.
A alcaldesa tamén felicitou a Isabel Muñoz porque” a súa obra cóntanos unha historia, a historia dos nosos mares”. A súa traxectoria, dixo, é unha mostra de que beleza e compromiso social poden e deben ir da man.
A mostra de Isabel Muñoz que se poderá visitar na dársena da Mariña ata o próximo 15 de outubro, recolle unha colección de doce fotografías de gran formato, nas que a artista une dúas das súas grades paixóns: o mar e a danza.
Pódese consultar toda a información sobre o festival na web: https://festivalmardemares.org/